As empresas participantes no Business Factory Auto (BFA), Muutech Monitoring Solutions e IIoR (Industrial Internet of Robots) exhibiron as súas innovacións na nova edición do Booster Day de Groupe PSA, celebrado o pasado 16 de outubro no Foro Armand Peugeot en Poissy (Francia).
O Booster Day é un importante evento, organizado por Groupe PSA a nivel mundial, coa finalidade de acelerar o desenvolvemento de innovacións na fabricación para a Fábrica do Futuro. Neste acto participaron numerosos axentes como provedores, startups, labs, etc.
As dúas startups galegas foron seleccionadas polo fabricante francés para dar un relatorio e presentar a súa idea de negocio no marco deste encontro internacional. Ademais, puideron coñecer diferentes expertos 4.0 e entrar no ecosistema de innovación do grupo automobilístico, así como tiveron a posibilidade de ter a súa propia caseta para exhibir as súas solucións innovadoras.
IIoR é un habilitador de tecnoloxía do Internet das Cousas que permite interconectar robots, de distinto provedor e antigüidade, nunha plataforma común. Pola súa banda, Muutech desenvolve unha plataforma de software de monitoraxe para a recollida e visualización, en tempo real, de datos que proveñen da contorna industrial.