Onte celebrouse, no Centro de Negocios Porto do Molle (Nigrán), a xornada “Emprendemento 4.0 no Sector de Automoción de Galicia”, organizada pola iniciativa Business Factory Auto (BFA) e á que acudiron máis de 250 asistentes.
A xornada contou coa presentación de 4 casos de éxito de proxectos participantes na terceira edición, que acudiron acompañados das empresas que os titorizaron durante esta edición. É o caso de TechEye e Plastic Omnium Equipamientos Exteriores; Mobocen e Groupe PSA; Efimob EV Charge e Parsec Iberia; e IiÖR e Groupe PSA. Posteriormente, realizouse unha mesa redonda de profesionais do Sector onde falaron dos retos e oportunidades de “emprender en automoción”.
Ademais, o encontro contou coa intervención de Bernardo Hernández, CEO de Verse Technologies e cunha ampla experiencia en emprendemento e novas tecnoloxías, chegando a ocupar o posto de Director de produtos en Google e estando vinculado a empresas como Idealista, Glovo ou Wallapop. Durante a súa presentación expuxo os principais cambios da revolución dixital e a necesidade dun novo liderado.
Finalmente, o acto estivo clausurado polo Presidente de CEAGA, Juan Antonio Lloves; o Director do Centro de Vigo de Groupe PSA, Ignacio Bueno; o Delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; e o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.
Ao final da xornada, os asistentes puideron visitar os distintos expositores dos proxectos do BFA e comprobar de primeira man as solucións innovadoras que ofrecen.
Neste acto comunicouse, ademais, que xa se está traballando no lanzamento da cuarta convocatoria da iniciativa.
Publicaranse as fechas, as bases e toda a información da nova edición na páxina web do BFA: www.bfauto.es