Recoñecemento nacional ao plan de difusión da iniciativa Business Factory Auto

11
Decembro
2018

O Business Factory Auto recibiu o premio ao “Proxecto mellor difundido” no marco do VI Congreso Nacional de Clusters, celebrado onte, en Madrid. Con este galardón, recoñécese o plan de comunicación despregado polo Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA) e os promotores do BFA para a difusión da aceleradora e os proxectos participantes. 

O plan de comunicación do Business Factory Auto está liderado por CEAGA e apoiado pola Xunta de Galicia, Groupe PSA e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, co obxectivo de apoiar e contribuír ao impulso dos emprendedores.
Con motivo do Congreso Nacional de Clusters, organizado por Clusters.es, entréganse, anualmente, os Premios á Colaboración Empresarial. Este ano contaron con cinco categorías, entre elas a de “Proxecto Mellor Difundido”, concedido a CEAGA polo proxecto Business Factory Auto.

Tamén foron entregados os premios ao medio de comunicación que mellor transmite os valores de innovación en colaboración, concedido ao diario económico Expansión, e á administración pública coa acción política más eficaz, outorgado á Responsable europea na área de Tecnoloxías Avanzadas, Clusters e Economía Circular, Ulla Engelmann.

A sexta edición do Congreso Nacional de Clusters congregou a representantes de empresas innovadoras, clusters, AEI e axencias rexionais de desenvolvemento de innovación. Este ano contou, ademais, coa presenza da Responsable europea na área de Tecnoloxías Avanzadas, Clusters e Economía Circular, Ulla Engelmann, así como do Subdirector Xeral de Dixitalización da Industria e Entornos Colaborativos do Ministerio de Industria, Jordi Llinares, e do Presidente da Federación Nacional de Clusters e AEIs (Fenaiec), Antonio Novo.

O plan de comunicación contribuíu ao balance positivo do BFA, reforzando o nome e a imaxe dunha iniciativa ambiciosa que xa é clave para o Sector de Automoción de Galicia. No 2018, o BFA recibiu un premio nacional (á “Mellor Práctica” pola Asociación de Parques Tecnolóxicos e Empresariais de España) e foi nomeado “regional partner” nos premios Startup Europe Awards, sendo a primeira aceleradora de automoción de Europa en conseguilo.

Dende a súa posta en marcha, a iniciativa BFA suma 35 novas empresas creadas, máis de 150 empregos xerados e una previsión a peche de ano de 10 millóns de euros de facturación. A súa terceira edición, que arrancou o pasado mes de outubro, alcanzou a cifra récord de 62 proxectos presentados de 9 países diferentes, converténdose na edición máis internacional.


Recoñecemento nacional ao plan de difusión da iniciativa Business Factory Auto
Voltar ao listado de novas