Esta mañá presentouse, nas oficinas de R en Coruña, o programa Startups R, ao que o BFA xa se adheriu, co obxectivo principal de promover a innovación e o emprendemento en Galicia.
Coa finalidade de impulsar colaboracións e actividades de mellora continua, o Business Factory Auto adhírese ao plan de apoio ao emprendemento de R, xa que é un importante programa que conecta a tecnoloxía, as capacidades e a comunidade innovadora de Galicia con startups, aceleradoras, clientes e sectores produtivos. Sen dúbida, esta iniciativa vai resultar de gran apoio para os proxectos participantes no BFA, achegándolles servizos de telecomunicacións, equipamento, formación, networking e publicidade e, ademais, é unha forma importante de complementar os servizos do BFA.
Durante a presentación do programa, Jorge Gómara, responsable do equipo xestor da iniciativa Business Factory Auto, afirmou que “este tipo de programas, como o de R, teñen un gran valor para a industria galega, xa que axudan a impulsar o emprendemento e a innovación na nosa Comunidade”.
O BFA foi impulsado en conxunto pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, o Grupo PSA e CEAGA. O seu obxectivo é identificar, acelerar e consolidar proxectos especializados en automoción e a súa transformación en empresas innovadoras viables e escalables que atraian e reteñan talento. Actualmente está aberto o prazo para participar na segunda edición e finalizará o próximo 15 de agosto.