“O financiamento do BFA dedicarémolo á fabricación dos prototipos e á realización dos ensaios”

23
Xuño
2017

Entrevista a Rodrigo Cabaleiro, Xefe de Proxecto en Cablerías Energy BB, participante na primeira edición da iniciativa Business Factory Auto (BFA).

En que consiste concretamente o voso proxecto? 

A nosa proposta divídese en dous proxectos independentes que se realizan paralelamente. O primeiro consiste no desenvolvemento de prototipos de condutores Busbar de cobre para condución de potencia en vehículos híbridos e eléctricos. O segundo consiste no desenvolvemento de prototipos de cable de batería de aluminio de grosa sección.

Que innovación achega a tecnoloxía incorporada no proxecto ao Sector de Automoción de Galicia?

No caso do condutor Busbar, esta tecnoloxía ofrece unha nova e alternativa distribución eléctrica optimizada para os packs de baterías das novas xeracións de vehículos híbridos e eléctricos que se fabriquen en Galicia e no resto da Península Ibérica ou países limitantes. Esta tecnoloxía require moito menos espazo e ten unha montaxe máis rápida e sinxela que o cableado convencional.
Para o caso do cable de aluminio, achégase un cableado de menor custo e menor peso, o que implica unha redución de consumo e emisións, que o cableado convencional de cobre. Este cableado pode aplicarse para a condución de corrente do sistema de batería de calquera tipo de vehículo.

Que achegou a iniciativa Business Factory Auto (BFA) ao desenvolvemento do proxecto?

A iniciativa Business Factory Auto (BFA) proporcionounos diversos beneficios, entre os que destacan: formación impartida por profesionais do Sector, financiamento que se dedicou á obtención de materia prima e ferramentas de traballo, á fabricación dos prototipos e á realización dos ensaios. Ademáis, permítenos promocionar e dar a coñecer este proxecto e estes produtos no sector de automoción.

Que expectativas de futuro ten a túa empresa tras participar no BFA?

Ofrecer unha estrutura produtiva de desenvolvemento e loxística situada en Galicia e contribuír a dar soporte técnico e produtivo a vehículos eléctricos. Ademáis de desenvolver e prover sistemas de distribución eléctrica optimizados para as novas xeracións de vehículos.

A vosa empresa xa xerou emprego en Galicia?

Si, a pesar de estar actualmente enfocada ao desenvolvemento de prototipos, xerou emprego en diversos ámbitos como, por exemplo,na nosa propia empresa, compañías de mecanizado locais, provedores de materiais e compoñentes, laboratorios de ensaios, etc.


“O financiamento do BFA dedicarémolo á fabricación dos prototipos e á realización dos ensaios”
Voltar ao listado de novas