O Business Factory Auto (BFA) converteuse nunha palanca fundamental para transformar a industria galega de automoción, contribuíndo a xerar talento e innovación na nosa Comunidade. Desde a súa posta en marcha, creáronse no seo do BFA 64 novas empresas, que xeraron máis de 550 postos de traballo en Galicia. Trátase de empregos altamente cualificados e capacitados para facer fronte aos retos da Industria 4.0, relacionados coas novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, Big Data ou Internet das Cousas.
En canto a facturación, prevese que as compañías da iniciativa BFA pechen 2022 con máis de 90 millóns de euros de ingresos. Ademais, este bo funcionamento da aceleradora reflíctese no carácter internacional das empresas participantes, xa que, a pesar do seu estado incipiente, o 24% destas compañías xa exporta os seus produtos ou servizos.
Estas cifras presentáronas, esta mañá, os membros da presidencia da aceleradora, que se reuniron nas instalacións de CEAGA para avanzar na firma do novo convenio que permitirá poñer en marcha tres novas edicións da iniciativa.