Coa finalidade de apoiar o desenvolvemento dos proxectos participantes, o Business Factory Auto asinou un acordo de colaboración con MathWorks e entra a formar parte do seu Programa de Aceleradoras, uníndose ás máis de 200 entidades de todo o mundo que xa forman parte do mesmo.
A través desta colaboración, o BFA ofrece aos seus proxectos acceso gratuito, durante un ano, a máis de 90 produtos e aos recursos de aprendizaxe de MathWorks, para o desenvolvemento das súas habilidades; facilitando así ferramentas de análises, deseño, modelado, simulación, xeración de código e verificación e validación.
Os proxectos participantes na aceleradora terán tamén a oportunidade de dar a coñecer os seus produtos a través do programa de promoción de MathWorks para Startups.
MathWorks é unha corporación estadounidense privada especializada en software de informática matemática. Os seus produtos máis importantes inclúen Matlab e Simulink, os cales apoian análises de datos e simulación.
Este novo acordo de colaboración do BFA súmase aos que xa ten con outras grandes corporacións como Amazon, IBM, Clarke + Modet ou Siemens (Prismacin). O obxectivo, como sempre, céntrase en seguir axudando aos proxectos, que se beneficien dos servizos que ofrecen, achegarlles valor en temas de interese e ampliar a rede de contactos.