Galicia representada na gala dos Global Startup Awards en Dinamarca polo BFA

18
Novembro
2021

O Business Factory Auto (BFA) participou o pasado día 17, en Copenhague, na gala final de entrega dos premios Global Startup  Awards como nominado na categoría “Mellor aceleradora”.

Tras gañar unha das competicións sobre emprendemento máis prestixiosas a nivel mundial, os South Europe Startup Awards, como a mellor aceleradora de Francia, Grecia, Italia, Malta, Portugal, España e Chipre, o BFA estaba nominado como finalista nestes premios globais entre máis de 10.000 candidaturas de todo o mundo.

Nunha gala con máis de 500 participantes e clausurada por representantes do goberno danés ao máximo nivel, púxose en valor á aceleradora de automoción Business Factory Auto, promovida pola Xunta de Galicia, a Zona Franca de Vigo, Stellantis e CEAGA, pola súa capacidade de innovación disruptiva, a cohesión do ecosistema e a colaboración en beneficio do crecemento económico da contorna do BFA.

Os Global Startup Awards constitúen unha das competicións máis grandes do ecosistema de startups. Están presentes máis de 124 países de 4 continentes e proporcionan unha plataforma global que crea valor engadido para participantes, institucións gobernamentais, corporacións e empresas privadas. A súa misión é proporcionar premios de alta calidade, recoñecendo a posta en marcha de ecosistemas de emprendemento a nivel local, rexional e global co obxectivo de conectar, promover e mostrar as comunidades de startups e emprendedores en cada rexión, pero tamén a escala global.

Con este importante nomeamento internacional, o ecosistema galego de automoción, liderado por CEAGA, suma un novo recoñecemento ao bo saber facer da súa colaboración público-privada.



Galicia representada na gala dos Global Startup  Awards en Dinamarca polo BFA
Voltar ao listado de novas