As empresas do BFA xa xeraron 450 empregos cualificados 4.0

16
Abril
2021

Actualmente está en marcha a quinta edición do Business Factory Auto (BFA), pero as catro primeiras edicións permiten facer un balance moi positivo, xa que se xerou talento e innovación na nosa Comunidade, sobre todo no ámbito 4.0: sensórica, cobótica, impresión 3D, robótica, etc. Ademais, cubríronse ocos na cadea de valor do Sector, principalmente relacionados coa dixitalización ou a Industria 4.0: visión artificial ou Internet das Cousas, entre outros. Sen esquecer a creación de 53 novas empresas, ata a data, que xeraron 450 postos de traballo en Galicia. Trátase de emprego cualificado, principalmente no ámbito da tecnoloxía e a Industria 4.0.

En canto a facturación, as compañías da iniciativa BFA xa contan con 82 millóns de euros de ingresos. Ademais, este bo funcionamento da aceleradora reflíctese no carácter internacional das empresas participantes, xa que, a pesar do seu carácter incipiente, o 7% destas compañías xa exporta os seus produtos ou servizos. 

O Business Factory Auto é un gran exemplo de colaboración entre pequenas empresas e grandes compañías. As grandes empresas do Sector están a apoiar o lanzamento das pequenas e novas que nacen no seo desta aceleradora, tutorizándolas e permitindo desenvolver pilotos para probar as novas tecnoloxías nas súas propias fábricas. De feito, o 100% dos proxectos están tutorizados por empresas do Sector. Outra mostra deste involucramento é que o 75% dos proxectos están a realizar pilotos en empresas de automoción. 

Nesta quinta edición, que comezou no mes de decembro, os 20 novos proxectos están tutorizados por profesionais dalgunhas empresas como Akwel Vigo Spain, Benteler Automotive Vigo, Borgwarner Emissions Systems Spain, Centro de Vigo de Stellantis, CTAG, Denso Sistemas Térmicos España, Galicia Auto Estampaxe, Gestamp, Goycar Galicia, Maviva, Snop Estampaxe, TI Fluíde Systems ou ZF, etc. 

Como novidade, o BFA pechou un acordo de colaboración co Instituto de Empresa para impartir aos proxectos participantes un Programa Avanzado en Management con diferentes sesións formativas sobre innovación, márketing e dirección comercial, comunicación, xestión do talento ou novas tendencias en sistemas de xestión e control, entre outras.


As empresas do BFA xa xeraron 450 empregos cualificados 4.0
Voltar ao listado de novas