Onte celebrouse, nas instalacións do centro de negocios de Porto do Molle (Nigrán), unha xornada de networking e de presentación dos proxectos da sexta edición do BFA.
Ante máis de 70 asistentes, todos os proxectos, tanto da fase de aceleración como de consolidación, presentaron as súas innovacións e os avances dos produtos e/ou servizos que puxeron en marcha gracias ó BFA. Ademais, habilitouse un espazo para albergar expositores nos que as empresas puideron ensinar de forma visual as súas iniciativas.
Esta xornada de networking permitiu reunir a todas as empresas participantes do BFA, así como ós seus titores, para fomentar relacións empresariais, crear sinerxias e compartir boas prácticas, contribuíndo a mellorar a actividade profesional dos proxectos y a seguir consolidando un completo ecosistema de emprendemento entorno á aceleradora.
O acto contou coa participación de Fran Yáńez, Plant Manager de TI Fluid Systems e titor do BFA, que se encargou da apertura, mentres que o peche estivo a cargo do Xerente de CEAGA, Alberto Cominges.
A sexta edición do BFA arrancou en decembro de 2021 con 20 proxectos innovadores, 10 na fase de aceleración e 10 na de consolidación. Todas as empresas participantes están relacionadas coa transformación dixital e a Industria 4.0, contribuíndo a cubrir os ocos na cadea de valor do Sector de Automoción de Galicia e xerar talento na comunidade.