O BFA recibe un novo premio internacional na categoría de mellor aceleradora

17
Enero
2020

O Business Factory Auto foi recoñecido, na categoría de mellor aceleradora, nos South Europe Startup Awards de 2020, unha das competicións sobre emprendemento máis prestixiosas a nivel mundial. Con este premio recoñécese o espírito emprendedor, a capacidade de innovación disruptiva, a cohesión do ecosistema e a colaboración en beneficio do crecemento económico da contorna do BFA.

Este recoñecemento enmárcase na competición do sur de Europa e implica que o BFA pasa a competir na gala mundial contra os gañadores das outras rexións da mesma categoría.

O premio recolleuno onte, nunha gala virtual, o responsable do Comité Executivo do BFA, Jorge Gómara, que agradeceu aos proxectos que pasaron pola aceleradora, xa que “nos axudan a mellorar” e recoñeceu que este premio é un novo motivo para “seguir impulsando a innovación e o emprendemento” en Galicia, co foco posto no ámbito internacional.

Os premios South Europe Startup Awards (SESA) lanzáronse por primeira vez en 2019 para conectar aos actores do ecosistema de startups e impulsar a súa expansión a mercados internacionais. Compiten 7 países (Chipre, Francia, Grecia, Italia, Malta, Portugal e España) en 9 categorías distintas.

Con este novo recoñecemento, o Business Factory Auto séguese consolidando como peza crave do Sector de Automoción de Galicia e proba diso son os anteriores galardóns que xa recibiu, tanto en España como en Europa, nos últimos anos. En decembro de 2018, a iniciativa foi recoñecida a nivel nacional pola Federación Nacional de Agrupacións Empresariais Innovadoras e Clusters (Fenaeic), co premio ao “Proxecto Mellor difundido 2018”, entregado durante o VI Congreso Nacional de Clusters. En outubro do mesmo ano, recibiu o premio á “mellor práctica desenvolvida nun parque tecnolóxico” da Asociación de Parques Empresariais e Tecnolóxicos de España (APTE), e foi nomeado “rexional partner” nos premios Startup Europe Awards, de carácter internacional, sendo a primeira aceleradora de automoción de Europa en conseguilo. En 2019, o BFA foi recoñecido, tamén pola iniciativa Startup Europe Awards da Fundación Finnova e a DG Connect, como o primeiro “Mobility Startup Europe House” por promover valores esenciais para a Comisión Europea como a innovación ou o emprendemento.


O BFA recibe un novo premio internacional na categoría de mellor aceleradora
Voltar ao listado de novas